O 8 de marzo “Día Internacional da Muller”, o C.I.M Centro de Información á Muller xunto a Portas Abertas, Femuro e Cruz Vermella Monterrei dinamizaron un acto na praza do Concello de Verín ás 12:00h. Antes da lectura do manifesto, as entidades preparon unha mesa de información sobre temas relacionados cos dereitos das mulleres, nas que ofreceron té ás mulleres, e tamén un espazo para compartir. Acto seguido, ás 12:30h tivo lugar a lectura do manifesto, un manifesto escrito por profesionáis das entidades anteriormente mencionadas e no que participaron mulleres voluntarias como voces representativas da comarca. A lectura do manifesto deu paso a unha performance “A prol da igualdade”, na que nenos e nenas do C.E.I.P. Amaro Refojo (Verín) representaron a loita contra os etereotipos de xénero xa inculcados dende a infancia. As entidades organizadoras continuarán promocionando talleres nos diferentes centros educativos nas seguintes semanas de marzo e abril.
Máis de 200 persoas acudiron o 8 de marzo de 2019 á Praza do Concello de Verín para reivindicar a loita dos dereitos das mulleres.

Manifesto 8 de Marzo, Día Internacional da Muller
Hoxe, conmemoramos o día internacional da muller, O 8M é un día no que debemos reflexionar sobre os avances logrados, loitar por máis cambios e definitivamente celebrar a valentía e a determinación de mulleres de a pé, que xogaron un papel clave na historia dos seus países e comunidades.
A ONU explica que os días internacionais teñen a función de sensibilizar, concienciar e chamar a atención aos gobernos . O 8M de 2018 transformou profundamente a realidade de miles de mulleres que confirmaron que non estaban soas, e que tras esta data iniciaron un camiño común de empoderamento.
O lema da ONU MULLERES deste ano 2019 para o día internacional da muller é “Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio”
Precédennos unha longa xenealoxía de mulleres activistas, que abriron o camiño para que hoxe poidamos manifestarnos con liberdade, por elas estamos aquí, e a elas queremos darlle as grazas e este aplauso.
Nós, precedemos a esas mulleres e nenas do futuro que nos agradecerán que hoxe estemos, e se non estivéramos preguntaríannos por que non o fixemos. Por elas nos xuntamos, en esta pequena praza e en milleiros de prazas en todo o mundo.
Somos diversas en corpos, identidades e necesidades, pero o que nos une é profundo, xa que queda moito por facer e nós seguimos loitando. Nesta loita a sororidade é a nosa arma. A sororidade entendida como o sentimento de solidariedade entre mulleres diversas, respectando as nosas diferenzas, amando a nosa diversidade, camiñando xuntas por un obxectivo común.
Moitas das que hoxe estamos nesta praza somos mulleres rurais, – Somos máis de 6 millóns de mulleres rurais en España- expostas a maior desigualdade, asisitindo a progresiva despoboación dos nosos territorios, asumindo roles de coidados, de traballo no sector agrogandeiro, sendo minorías en postos de dirección. A pobreza e a vulnerabilidade, teñen rostro de muller.
Só estando unidas, podemos combatir os factores que nos fan vulnerables. A palabra combatir non é bélica cando falamos de feminismo, pois combatimos utilizando as nosas intelixencias, respectando a diversidade, formándonos…e nos últimos meses expoñéndonos a discursos do odio que non aceptaremos como nosos, porque o odio non cabe neste camiño.
A mellor arma para loitar contra as desigualdades está na educación. Queremos reivindicar a necesidade de que a educación en igualdade estea presente en todas as estapas e que todas as persoas nos impliquemos para así poder conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. En especial queremos facer un chamamento ás familias e ó persoal docente pois son os transmisores por excelencia e tamén os primeiros referentes q as nenas e nenos teñen. O seu exemplo e a súa implicación son vitais para que a igualdade se transmita e consigamos que sexa un feito real. A vós apelamos:
Nomeade ás nenas, nomeade ás mulleres e os seus logros, facede crítica constructiva e revertede as mostras de desigualdade que no día a día nos atopamos: nos libros, na historia, nas imaxes transmitidas, no patio, nos xogos,nas festas, nas cancións… na casa, na escola, na rúa… en todo aquilo e en calquera lugar onde as desigualdades asomen e se manifesten, por moi sutís q sexan.
Construamos un mundo común, plural, diverso e igualitario… Camiñemos paso a paso, cara un mundo máis xusto, dando pasos firmes e decididos cara a Igualdade. Non nos podemos permitir NIN UN PASO ATRÁS porque nos quedan moitos que dar cara adiante. Con tenacidade, compromiso e valor, avanzaremos cara a consecución dunha IGUALDADE REAL, a que todas e todos temos dereito.
Firmado: Cruz Vermella, Portas Abertas, Femuro e Centro de Información á Muller
no replies