Por que unha CAMPAÑA PrevENTROIDO?

Dende o Centro de Información á Muller vimos detectando nos últimos meses unha importante falta de información na poboación moza acerca das condutas de risco no ámbito da saúde e un certo número de casos persoas novas e adultas que se contaxiaron dalgunhas das múltiples enfermidades de transmisión sexual existentes.
Algúns factores de risco que poden facer aumentar a aparición de casos de persoas con enfermidades de transmisión sexual, como o VIH, son as prácticas sexuais sin preservativo, o consumo de drogas e alcohol, o inicio das relación sexuais a idades temperás, a baixa percepción de risco de contaxio e a falta de diagnóstico dos contaxios. O rexistro de VIH móstranos que actualmente en Galicia a infección polo virus da inmunodeficiencia humana ten a súa orixe fundamentalmente de relacións sexuais sen preservativo (77% segundo o Informe VIH-Galicia. 2016, Sergas).Dende o Centro de Información á Muller levamos a cabo accións individuais e comunitarias no ámbito da prevención da saúde da muller e consideramos necesaria a abordaxe dun tema tan preocupante como a pevención do VIH e outras ETS (enfermidades de transmisión sexual).

En que vai consistir a CAMPAÑA PrevENTROIDO?

Sensibilización na poboación moza á través de accións de difusión nas RRSS e nos lugares de ocio.

Dispensación de preservativos na rúa nos días de maior afluencia de Entroido (xoves e sábado).

Reparto e colocación de material gráfico nos establecementos de hostalaría da comarca promocionando hábitos de vida saudables.

Quen participa na CAMPAÑA PrevENTROIDO?

A CAMPAÑA PrevENTROIDO está organizada polo CIM da Mancomunidade de Verín e colaboran outras entidades sociais da comarca como Cruz Vermella e Femuro. Se queredes participar como voluntarxs tamén podedes contactar con nós mediante o correo cim@mancoverin.es (asunto voluntariado preventroido) ou ben chamando ó 988.414.600

preventroido pegatina 1

Esta campaña forma parte dun conxunto de iniciativas que se levarán a cabo dende o CIM durante todo ano, e en colaboración con "Quérote+" para promocionar a educación sexual con enfoque de xénero na nosa comarca.